A mor parte dos homes das aldeas galegas, e
principalmente da Terra de Montes e seus arrededores, non podían vivir
apenas do que se producía no agro daquela rexión, moitos deles tamén
tiñan outra ocupación profesional: carpinteiros, albaneles, canteiros,
ferreiros, arrieiros, taberneiros... Unha boa parte deses artesáns
traballaban como canteiros en algunhas temporadas para gañar máis uns
reales co gallo de xuntalos cos cartos de vender unha vaca, un becerro
ou un ferrado de millo cando sobraba algún para vender. Ás veces, ata
unha ducia de ovos que se aforraran con esa intención, tamén se
levaban á feira de Doade ou de Soutelo de Montes para vendelos.
Os ferreiros, en toda a comarca da Terra de Montes, creo que non tiña
moitos, carpinteiros había un pouco mais. Médicos e boticarios, dos
poucos que había, os máis coñecidos eran da parroquia de Xirarga: A
Botica (farmacia) da Cavada, dos Xaneiro Ramos e o médico Don Alfredo
Cañizo, do lugar da Correa e Don Manuel Iglesias de Alfonsín,
Presqueiras.
Os maestros caseque sempre viñan de fóra, inclusive de Presqueiras, a
non ser, interinamente, o señor Evaristo Amaro na Cavada e o señor
Rafael Ramos Cortizo na escola do lugar da Correa. Medidores de terras
(agrimensores), había uns tres ou catro, entre eles o señor Miguel, na
parroquia de Beariz e o señor Rafael en Xirarga que era o máis
coñecido, non apenas no Concello de Beariz, pero, tamén, nalgúns
lugares do Concello de Avión. A profesión de agrimensor era exercida
na mor parte das veces cando non había moito o que facer na labranza.
Un certo día, como era de cotián, o señor Rafael Ramos Cortizo,
levantouse cedo para exercer esa profesión. Despois de almorzar unha
cunca de caldo con pan de millo, xuntou as ferramentas, un lápiz, a
vara de medir as terras e a libreta para facer os apuntes necesarios e
foise para Doade, coa finalidade de medir unhas veigas duns conhecidos
seus, co obxectivo de facer as "igüelas" o documento das
partillas onde se relacionaban as partes de cada herdeiro con os seus
lindantes e súa localización.
El quedou viudo moi novo coas catro fillas; mentras a máis vella, a
Francisca, estaba sendo criada por uns seus tíos que tinha no lugar da
Abeleira, na Pena as outras tres que eran máis novas, quedaban co
avó paterno, e dicir, o seu pai, o señor Xosé Ramos Morgade, tamén
coñecido coma o Tío Gallego.
Á noite, cando chegou na casa, foi logo preguntándolle ó seu pai (Tio
Gallego) polas tres fillas, el vivia xunto coa súa terceira muller, a
señora Manuela Cañizo ou a Tía Caniza coma era chamada familiarmente,
ela axudaba a coidar das nenas mentras o pai tiña que traballar. Máis
tarde, na hora que estaba sentado á mesa para comer, unha das fillas, a
María, puxo unha "fonte con patacas" (travesa grande oblonga
para servir a comida na mesa), era de tradición na mor parte dos lares
galegos servir a comida así.
Nun dado intre, el ollou para as fillas coma quen tiña algunha cousa
moi importante a falarlles. Antes de falar, unha das fillas, a Palmira,
decatouse de que el tiña un ollar diferente e adiantouse a
preguntarlle: ¿Vostede ten algunha dor de cabeza ou non fixen a comida
ó seu gusto? El respondeulle con un aceno de cabeza que non, engadindo
que estaba a pensar que, no día seguinte, tiña que falar con o Crego,
o cura da parroquia, ó modo de planexar a festa da romaría do Santo
Domingo, pois, xa faltaban poucos días pra súa celebración.
Nos días tres e catro de agosto de cada ano, acoden a esta romaría
xentes de tódolos rincós da Terra de Montes e de seus arredores, coa
esperanza da cura de seus males físicos e misteriosos que non se curan
por medios convencionais: con médicos ou mediciñas.
O culto a Santo Domingo é moi antergo e na porta da sancristía só hai
sinalada unha data de 1821, que debe ser a época en que foi aumentada a
actual ermita, pois, polo que se sabe, ela é ben máis anterga, algúns
veciños máis antigos, afirmaban que tal vez xa existise unha parte
dela cando foi derrubada a Torre de San Miguel de Presqueiras polos
"Irmandiños" en 1476.
Tamén hai algúns rexistros que testifican que nos arredores da ermita
foron practicados rituais pagáns e máxicos de culturas castrexas. Nun
campo do lado esquerdo da ermita, xa nas terras de Presquiras que era
de propiedade do señor Pedro Diz Gil, do lugar de Abeleira, de San
Salvador de Xirarga; había unha fonte que, en tempos antergos, súas
augas eran consideradas "milagrosas", que tanto servían para
a cura de algúns males da pel como para beber.
Contaba o señor Pedro Diz Gil que, a través dos tempos, chegou ata el
a historia ou lenda desas augas dun seu campo (o campo dos baños). Esas
augas terían sido usadas para a cura de moitas enfermedades da pel, en
ritos pagáns dentro das crenzas dos pobos celtas. Unha certa vez que o
señor Pedro mandou limpar a fonte, que aínda existe ata hoxe, a un tal
de Felipe da Carballeira, atoparon unhas pías cobertas de madeira
aínda moi conservadas, para o uso da auga nos tales baños milagrosos.
No día vindeiro, o señor Rafael pediulle ó seu pai, o Tío Gallego,
que mirase polas nenas, pois, para el, era máis un día de loita. Como
eles vivian case que porta con porta, era facil ollar as netas, pois, el
fixera a súa casa arrimada á do pai, que era unha casa moi anterga que
fora duns frades predicadores que viñeran da Torre de San Miguel de
Presqueiras. Existen informacións de que esa Torre fora mandada
construir por Xelmirez e era propiedade do Mosteiro de Aciveiro.
O Tío Gallego casárese tres veces: da primeira muller tivo un fillo,
Rafael Ramos Cortizo e da segunda naceu unha filla, Clara Ramos. Da
última muller, Manuela Cañizo ou Tía Cañiza, naceu un rapaz que
morreu cando aínda era un meniño.
Tía Cañiza, cando lle morreu o rapaciño, non se sabe porque razón,
enterrouno descalzo, sen os zocos, que era o calzado máis usado nas
aldeas naquela época: os zocos eran feitos de coiro de boi e madeira de
vidoeiro (vido) por baixo para manter os pés secos e quentes no
inverno.
O enterro do rapaciño foi feito coma era de costume no adro da igrexa
e, tempos despois do enterro, unha cousa comezou a perturbar a cabeza da
nai cando se lembraba do fillo. Un día, de noite pecha, cando ninguén
puidese ollala, resolveu desenterrar o rapaciño pro modo de poñerlle
uns zocos novos con a intención de que, así, descansaría mellor, indo
en paz pro ceo. ¡Cal non foi o espanto cando a Tía Cañiza atopou un
cadáver que non era o de seu meniño!
Estas historias, verdadeiras, e algunhas lendas supersticiosas eran
contadas pola señora Genoveva Ramos Ogando, que era a filla máis nova
do señor Rafael. Ela, por ser a mais cativa das irmás, ía moitas
veces xunto co avó, o Tío Gallego, gardar o gando no monte comunal do
lugar de Alén. El contáballe moitos contos dos tempos antergos: uns
vividos por el mesmo e outros ouvidos de persoas ben máis vellas ca el.
Tamén lle amosaba os cotos, ó lonxe, por onde el e seus compañeiros
subían e baixaban por mor de ir traballar de canteiros alá para as
bandas de Verín, carrexando o fardelo da comida pró camiño e a coroza
feita de palla e xuncos ó lombo por mor da chuvia.
Tía Cañiza ó desenterrar o rapaciño que non era o dela, quedou sen
fala por uns segundos, co susto que levou cando escoitou unha voz medio
rouca que lle dicía así:
Desfai o que fixeches e vólvete. ¡Vólvete e vamos! ¡Vólvete e
vamos!
¡Desfai o que fixeches e vólveteeeee!
Ela entendeu que tapase a sepultura que non era do seu fillo e baixase
as escaleiras do adro da igrexa e volvese para a súa casa.
Pensou ela; "era unha voz do outro mundo, do mundo dos mortos a voz
rouca que lle falara".
Ó volver pra casa, na mor parte do camiño, bruiábanlle, tumbábana no
chau e dábanlle moitos bofetós, só a deixaron cando xa estaba pasando
o regueiro do forno, un pequeno regueiro que divide o lugar da Correa
do lugar de Alén. Chegando á casa, co corpo coma unha neveira polo
susto que levara, foise deitando na cama coma se fose unha polvereta,
só foi descoberta polo marido, Tío Gallego, ó achegarlle os pés moi
fríos nas súas pernas e, desconfiado, preguntoulle:
¿Pra onde fuches a estas horas da noite, Manuela?
Ela non lle dou resposta, quedando el aínda máis desconfiado. Dalí en
diante, ela levantábase altas horas da noite, moitas veces sen que o
Tío Gallego a escoitase sair a non ser cando volvía cos pés fríos.
Tempos despois, cada vez máis desconfiado pra onde ía, sen ela
decatarse, en canto durmía, cosíalle o camisón de durmir contra os
seus calzóns para sentila ó levantarse.
Por moitos anos, mentras puido andar polos camiños, Tía Cañiza
carrexou a "pantalla", é dicir, vía e ouvía cousas que as
outras persoas non podían ver nen ouvir .
Sábese que hai persoas con un "sesto-sentido" ou unha especie
de premonición que lle permite ver ou prever (un aviso moi especial) de
cando a unha persoa lle pode acontecer algunha cousa extraordinaria , ou
incluso, a morte.
Estes individuos visionarios, segundo se cre, dáse nas persoas que xa
ten sentidos extrasensoriais de nacemento. A Tía Cañiza contaba moitas
outras historias á señora Genoveva porque lle quería moito, coma se
fora unha verdadeira filla, uns contos vividos por ela mesma e outros
ouvidos dos veciños máis antergos e dos propios familiares.
Contaba ela que despois que a Tía Cañiza foi desenterrar o corpo que
non era do seu fillo, non tivo máis paz de espírito; pasou a cargar a
"pantalla". A pantalla, na crenza popular, era a seña ou un
aviso para acompañar un grupo de persoas (a procisión dos mortos nas
altas horas da noite) á casa dunha persoa que estaba moi enferma ou ía
morrer axiña, sabéndolle o nome e o día da súa morte.
Naquela rexión, hai moitos anos, era moi común ós homes, en algunhas
temporadas, ir a traballar fóra da labranza, principalmente, coma
canteiros ou carpinteiros. Eles ían para outras cidades un pouco máis
lonxe, para gañar un pouco máis cartos por mor de comprar outras
cousas que non podían comprar con o que se producía nas súas terras
e, volvían case sempre, no fin do ano para pasar a Noiteboa e os meses
do inverno coa familia.
Quen tamén contaba moitas historias da pantalla que
"carrexaba" a Tía Cañiza despois de abrir a tumba que non
era do seu rapaciño, era o señor Rafael Ramos Cortizo que, por moito
tempo, morou na mesma casa, pois, coma xa foi dito, era fillo da
primeira muller do Tío Gallego. El contaba que unha veciña do lugar da
Correa, tiña unha filla casada con un canteiro que coma todos os
canteiros da rexión, traballaban fóra por temporadas.
Ese canteiro tivo permiso do patrón, onde traballaba, para pasar un mes
na casa da familia co gallo de bautizar un meniño dus veciños e
amigos. Poucos días despois da festa do bautismo do afillado, recibiu
unha carta dicíndolle que volvese para o traballo o máis cedo que
puidese, pois, precisaban del.
Tía Cañiza, que era moi amiga da familia do canteiro, procurou por
todos os medios posibles, sen que el se decatase ou os seu familiares,
retrasar a súa volta para o lugar onde estaba traballando. A intención
dela era que o canteiro non fose morrer lonxe da casa da familia, ela xa
sabía que el ía morrer, pois, tiña acompañado, anticipadamente, coma
facía cando morría alguén, a "procisión dos mortos" ou a
pantalla acompañando o seu enterro. Ela quería que el non fose morrer
alá fóra, onde traballaba, para evitar moitos traballos que a familia
tería ó traelo morto e enterralo na tumba dos seus antepasados no adro
da igrexa parroquial. Pero, atrasando a viaxe, como quería a Tía
Cañiza, el morreu ós poucos días na casa da muller.
De unha outra ocasión, a "procesión dos mortos" tamén lle
dou un gran susto a unha veciña do lugar de Abeleira. Contaba ela que:
"Unha noite pecha, cando voltava da casa dos familiares do lugar
da Alén, cun fillo de poucos meses no colo, sen decatarse, viuse no
medio da tal procesión dos mortos, na cal só conseguia ver un seu
veciño que era emigrante no Brasil. Como, aparentemente, todo lle
parecia moi natural, chamou o mozo polo nome e intentou seguilo polo
Camiño dos Vidiños, que era o mesmo camiño da súa casa e a do
emigrante que estaba no Brasil. Na segunda tentativa que ela fixo,
doulle un berro e tumbouna no chau por varias veces, pero, como estaba
co meniño no colo, sempre que caía, tumbaba do xeito que ela caíse co
neno porriba dela para que non se ferise".
Parece que moitos deses fenómenos premonitorios sempre ten algún
sentido de convivencia das persoas, no caso desa señora, ese mozo fora
seu novio antes de emigrar para o Brasil, e, el véuse despedir dela, na
súa derradeira viaxe ó mundo dos vivios, pois, pouco tempo despois, os
familiares recibiron a noticia de súa morte alá na Bahia, Brasil.
En Galicia, está moi arraigada a relación entre as ánimas do
purgatorio, a aparición do espírito dos mortos, o ceo e o inferno, as
luces que aparecen nos cemiterios ou nas encrucilladas á noite; ó que
parece, son vestixios de culturas moi antigas.
A ''pantalla'', na realidade, é considerada unha figura mística e
folclórica dentro do sentido que é atribuído á superstición ou
certas lendas que non poden ser despreciadas totalmente. Ó que parece,
ela consiste nunha procesión, feita á noite por "persoas"
que soio teñen a enerxía do espírito que aparece coma unha sombra
acompañando o enterro anticipado daquel que será o defunto.
As persoas "larean" moito entre elas pero ninguén escoita o
que falan. Acompañan a procesión xunto co cura que vai atrás da tumba
no medio do cortexo. Todos vesten roupas brancas e como é de noite,
relumbran moito. Para as persoas que teñen a predisposición de
enxergar esas cousas, é un espantoso espectáculo que poñe os pelos en
pé e dá moito "medo".
Outra cousa que tamén chama a atención no cortexo é o cheiro da
"cera queimada das velas acendidas" . Cando a pantalla leva
moita xente na procesión, falan que é o enterro dunha persoa moi rica
e en algúns casos, ata se pode saber quen vai morrer, se é un vello ou
un xoven.
Un tal Xico de noya, que era do lugar da feira de Doade (a Cavada) era
un home que algunhas veces tomaba unhas copiñas a máis, contaba el que
a Tía Cañiza tíñalle pasado a "pantalla" nunha noite en
que se atopou con ela acompañando unha procesión dos mortos, nun lugar
chamado de Cotopereira e moi cerca do adro da igrexa da parroquia de San
Salvador de Xirarga, onde se entarraban os defuntos. O señor Xico de
Noya, contaba que como tiña bebido uns golos a máis, intentou desafiar
a Tía Cañiza e, por iso, el daquel día en diante, tamén pasou a
carrexar con a penitencia da procesión dos mortos para o resto da vida
onde alguén fose morrer.
Moitas veces, cando el ía á taberna beber unha chiquita de viño ou
unha copiña de augardente para espantar o frío e, se cadrase encontrar
con algún mozo que atopara con el unha tal noite atravesándolle o
camiño, dicíalle: tiveches sorte que non che fixeron mal, porque tiña
amigos seus naquela procesión.
As crenzas nesas cousas místicas, mesmo que moitas persoas non
acreditasen nelas, había moito respecto con elas e coas persoas que,
sen querer, ás veces, eran un pouco visionarias polo poder que tiñan con
relación ó sobrenatural.
Con relación ó señor Rafael, cecais, por ser un home viaxado polas
américas, e ter sido por bastante tempo un dos agrimensores de unha boa
parte da Terra de Montes e, interinamente, exerceu o papel de maestro da
escola do lugar da Correa, alén de toda esa experencia, era un Ser
humano moi bo e espirituoso. El estaba sempre contando algúns chistes
mesmo que ás veces tivesen un pouco de malicia. El tamén foi mordomo
das festas do Santo Domingo de Guzmán, na parroquia de San Salvador de
Xirarga.
Como ás festas viñan romeíros de tódolos cantos ó redor da Terra de
Montes, que aínda son realizadas nos días tres e catro de agosto de
cada ano, uns quince días antes había que preparar a ermita, que é
moi grande e por quedar pechada durante o resto do ano, había que facer
unha limpeza caseque total no seu interior e ás veces tamén na parte
externa das portas e ventás.
Un dia, antes de comenzar a novena (misa celebrada durante os nove días
antes da festa), el foi antes do poñer-do-sol, poñer as cousas en
orden para o día seguinte, inclusive preparar o santiño pequeno, de
madeira, para "poñer o santo" ás persoas que quixesen
recibir algunha bendición, como era de costume facelo. No intre en que
estaba pechando a última porta, do lado da ermita, apareceulle unha
muller pedíndo para que lle "puxese o santo" xa que no día
seguinte non podería ir á misa para recibir a bendición.
El itentou reabri-la porta de novo, a pesar de ser caseque de noite,
para atendela no su pedido. Cando colleu o santo e mirou para o lado
onde se atopaba a muller, ela xa tiña desaparecido na escuridón no
medio dos carballos. Pensou el:
¿"Sería algunha ánima penada, que non puido recibir tódolos
pedidos feitos ó santo"? El sabía que a ermita era moi anterga e
tódolos os anos acodían centos de persoas de moi lonxe.
A ermida de Santo Domingo está nas terras da parroquia de San Salvador
de Xirarga Concello de Beariz de Montes, caseque na extrema da
provincia de Ourense con Forcarei da provincia de Pontevedra. Ela, ó
que parece, polos poucos datos disponibles, a primeira parte foi
contruída polos frades do Mosteiro de Aciveiro e está situada nun
planalto moi fermoso onde xa existía algún tipo de adoración das
xentes de orixe celta ou outras culturas mais antigas.
Os frades atoparon unha poboación con unha cultura que aínda adoraba a
natureza, a Terra-Nai e ó deus da Tempestade, un resquicio daqueles
costumes dos indoeuropeos nosos devanceiros, pobo guerreiro que
consideraba certos lugares sagrados, adoraban as fontes da auga que para
eles era a Fonte da Vida, as árbores, outeiros...
Aqueles frades misioneiros tiñan unha metodoloxía moi especial para
cristianizar as xentes, un pouco diferentes dos pobos dominadores, pois,
conservaban algunhas prácticas pagáns ou superticiosas xunto cos ritos
cristiáns. Por exemplo: cando atopaban un outeiro ou unha fonte onde xa
existía algunha práctica de orixe celta, construían naquel lugar unha
pequena ermita, podendo usar a auga de bendicir para algún rito pagán.
Outras veces, conforme o tipo de divindade, os frades
"escondían" un santiño no medio dos toxos ou carqueixas, que
ó ser atopado polos labregos, coa axuda dos misioneiros, dentro da
súa crenza, dábanlle un rito cristián.
Estas terras son habitadas polos nosos devanceiros hai moitos centos de
anos, tal vez polos agricultores neolíticos dos megalíticos
sedentarios ou pré-indoeuropeos pré-celtas..., onde a mestura dos
pobos primitivos coa última chegada dos celtas deixaron moitos
vestixios culturais, algúns aínda intocados e outros foron se
desenrolando xunto coa fe cristián.
Tío Gallego, que xa tiña caseque un cento de anos, tamén sabía
moitos contos antergos que lle foron chegando a través de xeración en
xeración. Por mor da súa idade, facía os traballos máis liviáns ou
onde tivese que facer menos forza; por iso, moitas veces, ía co gando
pro monte ou cando facía moito frío, nevaba ou chovía, sentábase a
carón do lume na lareira da cociña. Ó redor da lareira era coma un
lugar sagrado das familias, onde se pasaba a mor parte do tempo no
inverno; non apenas para facer a comida, confidencias ou xogar a brisca,
pero, principalmente, pro modo de contar moitos contos polos máis
vellos que ían pasando de boca en boca para os mais xovens.
Como dixemos en páxinas anteriores, a cociña era máis que un lugar de
facer a comida ou contar contos, pois, ó arredor do lume facíanse
moitos casamentos, era alí que as mozas casadeiras recibían ós
namorados (novios) cando xa había máis un pouco de interés por
alguén que tiña unhas terras boas ou era moi fermoso: Elas ou as nais
facían de todo para arranxar un bo casamento. Do contrario, moitas
veces, eles non pasaban do fondo da escaleira ou quedaban namorando do
lado de fóra da porta onde a nai "puidese vixiar " os
movementos dos dous xovens.
Na mor parte das cociñas do labrego galego, tiña que ter: A lareira, o
forno de coce-lo pan, de millo ou de centeo, unha lacena para gardar o
xerro de leite acedo e de pingo, a carne cocida ou outra comida que
sobraba de unha hora pra outra. Tamén non podía faltar a ucha (artesa)
de madeira onde se amasaba o pan e gardábanse máis algunhas cousas. A
lacena, mormente, era feita do lado da lareira dentro da parede que era
moi ancha: cando feita de mampostería (pedra miúda) podía ter deica
medio metro de fondura.
Unha boa parte das historias que contaba Tío Gallego ou outras persoas
máis vellas das aldeas, eran caseque todas acontecementos dos veciños
ou familiares da comarca, é dicir, a propia historia das persoas e dos
poboados.
El tamén contaba para á súa neta, Genoveva Ramos Ogando, que o pai
del, o señor Xacobo Ramos, naceu e foi criado no lugar de Penalonga,
Parroquia de Xirarga, polo seu avó paterno que tamén era arrieiro
igual a el. Hoxe, ese lugar, que tiña poucas casas e era no monte da
Cavada un pouco arriba do río do Batán e próximo ó lugar onde é a
feira de Doade, xa non existe máis.
O Río do Batán tiña ese nome por mor de un enxeño feito para bater
as mantas que se facían coa lan de ovella e o liño que cultivaban
naquelas aldeas.
Do antigo lugar de Penalonga, aínda se atopan hoxe algúns vestixios:
restos de paredes e outras cousas das antergas casas. O veciños de
Penalonga, algúns foron prá Cavada, onde hoxe é a feira de Doade e
outros para o lugar de Framia e Alén que tamén pertencen a parroquia
de San Salvador de Xirarga, coma tamén pertenecía Penalonga.
Débese ter coidado para non confundir Doade que naquela época non
pertencía á parroquia de San Salvador de Xirarga e si á de Beariz,
onde ía enterrar os seus mortos; co lugar da feira que sempre foi no
mesmo lugar, na Cavada e sempre fixo parte de Xirarga. Hoxe, os dous
lugares, pola emigración e diminuición de veciños e a expansión de
novas casas feitas polos emigrantes que retornaran, fundíronse nun
lugar só, predominando o nome de Doade por causa do nome dado á feira.
Xustamente, como naquel tempo, a parroquia de Beariz da cal facía parte
Doade e o lugar de Penalonga que era da parroquia de Xirarga, tiveron un
lio polas extremas, por iso, os veciños de Penalonga fixeron unhas
casas e cavaron unhas estivadas de centeo por mor de defender o seu
terreo, así, quedou sendo coñecido coma o lugar da Cavada.
A parroquia de San Salvador de Xirarga tivo outros lugares con poucos
veciños conforme hoxe aínda existen algúns vestixios do lugar das
casas con parte das paredes en ruínas como na Carballeira da Ouceira da
Costa e na Costa de Antón aínda brincaban dentro dela no tempo de
rapaciño do autor destes contos, na década de trinta do século XX.
Dicían os máis vellos que era a casa do Tío Antón.
Polas historias que ouvíamos do señor Rafael e outras persoas de súa
época, cando chegaron a estas terras os frades do Monasterio de
Aciveiro, alá polo ano de mil tres centos e corenta, a mor parte das
terras eran de pastoreo. Só máis tarde, cando os frades fixeron a
Torre encravada no Castro de Montes de San Miguel de Presqueiras, para
administrar mellor os labregos na producción de alimentos e outros
produtos das novas profesións que lle ían ensinando e aparecendo ós
poucos, para que puidesen producir máis.
A Torre fora chantada encima de un Castro celta co gallo de ter máis
seguridade na eminencia dun ataque por bandoleiros ou supostos enimigos.
Como sabemos, os celtas constrían os Castros ou Citanias,
(cidades-fortaleza), en lugares altos e/ou planaltos que tanto lle
servía para vivir coma para mellor se defender dos invasores ou
saqueadores. Na Terra de Montes e nos seus rededores hai moitos
vestixios de culturas prehistóricas: a cultura dos dolmens ou
dolménica, a cultura dos castros ou castrexa.
Pero, de tódolos castros coñecidos nestas terras, o que tivo un papel
de destaque foi o de San Miguel de Presqueiras que queda no Concello de
Forcarei, principalmente porque foi a residencia dos famosos Xuices
Merinos que, dende esa Torre, administraban as rentas producidas polos
labregos e gandeiros. Eles eran os representantes e fiscales do rei, por
iso, recibían as rentas non apenas para o Mosteiro de Aciveiro pero
tamén pro reino.
As terras desta anterga comarca, ó que parece, eran moi productivas,
tanto no agro coma nas riquezas minerais xa que aínda se atopan algúns
vestixios da explotación de estaño, ouro, wólfram e outros minerais
en menor cantidade. Gregos, romanos tal vez os fenicios andiveron por
estas paraxes, non só na Galicia máis tamén no resto da Península
Ibérica. Un outro castro que tamén tivo moita importancia en alguns
aspectos, foi o Castro de Magros que está situado no Concello de Beariz
de Montes.
Ó que parece, dacordo con algunhas historias
contadas polos máis
vellos, despois dos celtas, que lle serviu como lugar de morada ou
citanía, o Castro de Magros serviu ós romanos nas súas andanzas
poraquí e, por último, os mouros tamén nos deixaran algúns vestixios
culturais e moitas lendas. Deica hai poucas décadas, no lugar de Magros
aínda se realizaban unhas festas historico-folclóricas de loitas entre
mouros e cristiáns.
Este autor, cando era rapaciño, aínda tivo a felicidade de ver, xunto
con outros rapaces de Xirarga, aqueles mozos e casados de magros e
outros lugares: garbosos e con moito donairo, recitar uns versos
relacionados con mouros e cristiáns e ó mesmo tempo con cousas
chistosas que se pasaran entre mozos e mozas do Concello de Beariz de
Montes.
|